Vostede está aquí

 

 

 

Traballamos pola converxencia dixital con Europa

 

Red.es
Información xeral

Desempeñamos un papel esencial na execución e despregamento dos plans da Axenda Dixital para España cun claro obxectivo: traballar pola converxencia dixital con Europa para mellorar os servizos públicos e desenvolver a economía dixital.

Red.es é unha entidade pública empresarial do Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital (MINETAD) que depende da Secretaría de Estado para a Sociedade da Información e a Axenda Dixital (SESIAD). Desenvolvemos programas de impulso da economía dixital, a innovación, o emprendemento, a formación para a xuventude e profesionais, e o apoio á peme mediante o fomento dun uso eficiente e intensivo das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC). Tamén despregamos programas de implantación tecnolóxica nos servizos públicos da Administración —especialmente en sanidade, xustiza e educación— e traballamos para o desenvolvemento das Cidades e Illas Intelixentes. Moitos dos proxectos que executamos dende Red.es realízanse grazas ao financiamento da Unión Europea, a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e do Fondo Social Europeo (FSE).

                                                                                

En Red.es tamén xestionamos os dominios “.es”, RedIRIS, o ONTSI  e o Centro de excelencia de fontes abertas (CENATIC). Traballamos, ademais, pola seguridade en Internet da man de INCIBE.                                                                                 

Historia

2002: Nace unha entidade para desenvolver a Sociedade da Información 

A entidade pública empresarial Red.es nace en 2002, no marco do Plan Información XXI, que constitúe a resposta española ao proxecto e-Europe. Os estatutos do novo organismo confírenlle as seguintes funcións:
  • Fomentar e desenvolver a Sociedade da Información.
  • Xestionar os rexistros dos nomes e enderezos de dominios.es.
  • Participar no ICANN (Internet Corporation for Assigned Names and Numbers) e ser asesor ministerial en asuntos da súa competencia.
  • Ser observatorio das Telecomunicacións e da Sociedade da Información.
  • Elaborar estudos e informes e asesorar a Administración Xeral do Estado e a outros organismos.

Impulso dos primeiros programas

Red.es aproveita a estrutura pública da Rede Española de Televisión (Retevisión), unha vez que o sector audiovisual é liberalizado e esta empresa se privatiza. A nova entidade, ademais de herdar a xestión de dominios.es, impulsa programas como Internet na Escola ou Internet nas Bibliotecas.


En 2004 e 2005 apróbase e desenvólvese o Programa España.es, que fai fincapé na difusión da Sociedade da Información e que establece as bases das novas actuacións de Red.es. Nese período iníciase o desenvolvemento da sinatura electrónica, o servizo do rexistro telemático e as campañas Todos.es e Chaval.es, destinadas a informar das posibilidades de Internet no medio rural e a formar os pais sobre o uso seguro de Internet para os nenos.

 

Plan Avanza

En 2005, a Comisión Europea aproba a iniciativa i2010, que en España se traduce no Programa Ingenio 2010. En Red.es establécense novas áreas de actuación e impúlsanse importantes programas, como Sanidade en Liña ou Rexistro Civil en Liña.

En 2009, revísanse as políticas relacionadas coa implantación de novas tecnoloxías e xorde o Plan Avanza 2, cuxos eixes de actuación son: desenvolvemento das TIC, servizos públicos dixitais, infraestruturas, adopción da Televisión Dixital Terrestre (TDT) e confianza e seguridade. Para Red.es supón intensificar algúns dos programas que xa ten en marcha e adoptar outros novos, como o DNI electrónico ou o proxecto Aporta, que implica o lanzamento do portal datos.gob.es, que organiza e xestiona o catálogo de información pública da Administración Xeral do Estado.

 

Axenda Dixital para España 2013-2015: grandes retos 

En 2012 iníciase a elaboración da Axenda Dixital para España, en liña coas prioridades da Axenda Dixital para Europa. Os seus obxectivos céntranse na creación de emprego, o incremento da produtividade e a competitividade e a redución do gasto público. A súa posta en marcha e continuidade no presente implica novos retos e prioridades para a entidade pública, ao tempo que se potencian programas como Vendes en Internet, Hoteis en Rede ou Cidades Intelixentes.

Dominios

Red.es é a autoridade nacional encargada da asignación e xestión dos nomes de dominios “.es”, que se identifican co noso país, o idioma castelán e a cultura hispana. O “.es” é o dominio máis utilizando en España, cun número de rexistros que xa supera os 1,8 millóns.


A xestión do Rexistro de nomes de dominio inclúe a implantación, o mantemento e soporte dos equipos, aplicacións e bases de datos necesarias para o correcto funcionamento do sistema de nomes de dominio de Internet, baixo o código de país correspondente a España (“.es”).


 Todas as actuacións realízanse de acordo coas directrices do Goberno español e en conformidade co ICANN (Internet Corporation for Assigned Names & Numbers) e as guías derivadas do mercado internacional.

En Red.es apostamos por un dominio “.es” de calidade, seguro, doado de adquirir e renovar, economicamente competitivo e que ofreza servizos de valor diferenciais, como a resolución extraxudicial de conflitos. Queremos que o dominio “.es” sexa referente a ámbito internacional da lingua española e utilizado para as páxinas de Internet con contido en español, nun mundo con máis de 400 millóns de hispanofalantes.

RedIRIS

Unha das funcións que temos encomendadas en Red.es é a xestión de RedIRIS, a rede académica e de investigación española, que, dende a súa fundación en 1988, proporciona servizos avanzados de comunicacións ás súas institucións afiliadas, principalmente universidades e centros públicos de investigación.

RedIRIS, que está financiada polo Ministerio de Economía, Industria e Competitividade (MEIC), desempeña un papel de grande importancia na e-ciencia do noso país, motivo polo que o MEIC a incluíu no seu Mapa de Instalacións Científico-Técnicas Singulares, que agrupa ás principais infraestruturas dedicadas á investigación en España.


Para ofrecer aos seus usuarios a mellor conectividade posible, e para manterse á vangarda dos novos servizos telemáticos, RedIRIS coopera con outras redes académicas e de investigación, tanto autonómicas coma internacionais. Entre estas últimas, destaca a rede académica paneuropea GÉANT, en cuxa xestión participa RedIRIS, e a través da cal se conecta tanto co resto de redes académicas e de investigación nacionais dos demais países europeos, como con redes de investigación doutros continentes.

RedIRIS presta, ademais, ás súas máis de 500 institucións afiliadas outros servizos TIC: federación de identidade dixital (SIR); acceso ás wifis universitarias (eduroam); certificados dixitais; listas de distribución; filtrado antispam; servizos de seguridade ou asesoramento e difusión, entre outros.

ONTSI

O Observatorio Nacional das Telecomunicacións e da Sociedade da Información (ONTSI) está adscrito a Red.es e ten como principal obxectivo o seguimento e a análise do sector das Telecomunicacións e da Sociedade da información.

O ONTSI elabora, recolle, sintetiza e sistematiza indicadores, elabora estudos e ofrece servizos informativos e de actualidade sobre Sociedade da Información, polo que é actualmente o observatorio público sobre este sector líder en España.

O ONTSI actúa, ademais, como punto de encontro e diálogo entre o sector TIC e as administracións públicas, para a definición de políticas e a súa posterior avaliación.

CENATIC

Red.es xestiona o Centro de Excelencia de Software de Fontes Abertas (CENATIC), que promove o coñecemento e uso do software libre e as fontes abertas na sociedade española.

O Software Libre é unha forma de construír e distribuír aplicacións de software, cuxo tipo de licenza ofrece máis liberdades a quen as usa. Entre as súas vantaxes, figuran a independencia con respecto ao fabricante de software, o aforro de custos, maior seguridade e calidade, o desenvolvemento do sector TIC local e a xeración de valor en comunidade.