D. Alberto Pérez Gómez, director de RedIRIS

O Consello de administración de Red.es do pasado 26 de outubro nomeou a Alberto Pérez Gómez novo director de RedIRIS (rede académica e de investigación española).

Antes de incorporarse a Red.es, Alberto Pérez estivo a traballar de 1999 a 2002 na Comisión do Mercado das Telecomunicacións, e de 1994 a 1999 como profesor de Dereito Constitucional e Comunitario na Universidad de Alcalá, na que se licenciou. Fixo a súa tese doutoral sobre regulación das comunicacións, publicou dous libros e numerosos artigos sobre políticas do sector TIC, asesorou institucións e gobernos europeos no marco da súa colaboración co European Audiovisual Observatory e coa Universidade de Oxford, e foi relator en múltiples cursos e conferencias do sector. Realizou tamén un Executive MBA do Instituto de Empresa, e é tradutor-intérprete xurado de inglés e francés do Ministerio de Asuntos Exteriores.

Alberto traballa dende 2002 en Red.es. Incorporouse para traballar no Rexistro de Dominios “.es”, colaborando dende entón na súa representación internacional en foros como ICANN ou CENTR (Asociación europea de rexistros territoriais de dominios de primeiro nivel).

En 2004 asumiu a función de subdirector de RedIRIS, onde se ocupa de temas de xestión económica, de persoal, da carteira de servizos, e de proxectos, incluída a súa participación no despregamento de RedIRIS-NOVA. Ademais, representou RedIRIS en foros internacionais como GÉANT Association (Asociación europea de redes académicas e de investigación), de cuxo Comité de Dirección formou parte de 2007 a 2016.